luns, 15 de xuño de 2020

CARTA ABERTA AOS MEUS ALUMNXS DE 4ºESO

Ola a todxs! Chegou a última semana do curso despois duns meses algo accidentados e moi difíciles para todos. Sei que todos recordaremos este curso porque houbo unha pandemia mundial que nos cambiou a vida a todos, porque superamos unha cuarentena, etc. Non obstante, eu recordarei este curso por moitas cousas máis. 

Recordareino por ser o curso no que fixemos un Entroido incrible, no que ensaiamos un mes para un día e se convertiu nun dos meses máis divertidos do ano. Tamén polas obras de teatro da clase, polos debates, as risas, os traballos en grupo, etc. En definitiva, non foi soamente o ano da pandemia mundial, para vós foi o voso curso de 4º da ESO, que eu tiven a sorte de vivir convosco. 

Quero que saibades que estou tremendamente orgullosa do traballo que fixéchedes nestes meses, pois se a xente se crece nos momentos máis duros, demostra moito a súa valía. Sei que o pasáchedes mal, todos o pasamos, pero a vós tocouvos ser alumnos en cuarentena, e moitos cumpríchedes de sobra cas expectativas. Non soamente, por unha nota numérica, se non porque a min persoalmente me alegrábades o día cas ocurrencias dos vosos traballos, os voso vídeos, etc.

Volvendo máis alá no pasado, empezamos este curso con moita ilusión pero tamén con medos, pois 4º da ESO é  ese curso no que tedes que empezar a decidir cousas, a tomar decisións que non queredes tomar aínda moitas veces (como é normal e nos pasou a todos) e empezades a ser conscientes de que cada vez teredes máis responsabilidades. Non obstante, a pesar dos agobios que foron moitos, demostráchedes que non é só o curso intermedio entre a ESO e o Bacharelato, se non que tamén é o curso no que sodes maduros para abordar certos temas sen perder esa ilusión que caracteriza aos máis pequenos. Para min, foi un pracer a asistir a eses momentos, nos que reflexionábades e analizábades pero sen deixar de sorrir nin un segundo (e para que mentir, de facer un pouco o parvo, que tamén é necesario de vez en cando). Por todo iso quero darvos as gracias. 

Gracias tamén por todo o que non é académico, por compartir conmigo as vosas dúbidas, problemas, etc que pouco a pouco fomos resolvendo ou polo menos o intentamos. Tamén houbo momentos complicados (para que negalo, non sempre vos portades de xeito exemplar) pero foron os menos, e ao fin e ao cabo ninguén é correcto todo o tempo. Neses momentos tamén discutimos e tivemos desacordos, pero que sería da vida se fose todo perfecto todo o tempo?


Quero darvos as gracias pola implicación en todos os retos do curso, pola ilusión ao facer as cousas que pedía, pola curiosidade nas clases. Especialmente, porque entre todos colaboramos a facer do mes de Febreiro un mes inolvidable, ensaiando no recreo, bailando e cantando e facendo que eu ás veces me emocionara de máis (e bailara de máis, non olvidemos que fun directora de coreografías jaja). Como vos me dicíades "profe ti tamén nos acompañas porque che gusta a ti", e era moi  certo. A verdade é que se era marabilloso compartir tempo con vos tratando temas de historia, aínda o foi máis vendo como vos implicábades con algo que nin era obrigatorio. Gracias por iso tamén, e por tantos momentos de risas nese mes. Non obstante, debo mencionar a vosa curiosidade e espírito crítico na miña materia. Quero pedirvos que pase o que pase non o perdades, sei que a uns lles gusta máis a materia que a outros, pero espero ter colaborado a que vírades a materia con outros ollos.

Finalmente quero dicir que todas as clases, e todos os rapaces e rapazas  que había nelas aportáchedes algo diferente e único á miña aprendizaxe como profesora. Todos fixéchedes que ir a traballar non fose un verdadeiro traballo, se non unha experiencia única e irrepetible. Quero que saibades que sempre vos recordarei con cariño por acompañarme na aventura que foi este ano.

Aos alumnos de 4ºB gracias polo voso espíritu crítico, polos debates, etc e por tantas charlas que tivemos interesantes e que non olvidarei. Aos alumnos de 4ºC gracias pola implicación absoluta nas clases, pola curiosidade e a creatividade que hai en vos.

Finalmente quería dicirlle aos meus titorandos de 4ºA, que gracias por facerme sentir unha titora orgullosa en todo momento e por todos eses momentos especiais que compartimos como titoría, non só por ter unha hora máis á semana, se non porque chegamos a entendernos de verdade.

Deséxovos a todos o mellor no futuro, e confío en que cheguedes a ser as persoas que soñades ser. 

Unha aperta moi grande.


 A profe de historia.




Ningún comentario:

Publicar un comentario